Medidas para evitar contaxios de coronavirus na AG-55 e AG-57
13.03.2020.
Autoestradas de Galicia establece dende hoxe as vías automática e dinámica como formas de pagamento preferente nas peaxes da AG-55 e AG-57 –un sistema que permite, ademais da telepeaxe, o abono con tarxeta bancaria, o abono con tarxeta mediante a tecnoloxía contactless ou en efectivo a través das máquinas habilitadas, que inclúen a posibilidade da devolución do importe–, e mantén a presenza de persoal de apoio para asistir aos conductores en caso de necesitalo. A medida foi adoptada como método preventivo fronte á expansión do coronavirus para a protección dos profesionais das autoestradas e de todos os usuarios.
A resolución foi aprobada conxuntamente co comité de empresa de Autoestradas de Galicia tras informar ao inspector da Axencia Galega de Infraestruturas.
Autoestradas de Galicia mantén activos a todos os efectivos de conservación, seguridade e de atención aos usuarios. Tamén permanecen sen cambios os equipos que aseguran a vialidade invernal da infraestrutura viaria e os traballadores do centro de control. A concesionaria galega contempla que parte do persoal poida teletraballar.
Seguindo en todo momento as directrices do Goberno de España, Autoestradas de Galicia continuará traballando para garantir o correcto funcionamento da AG-55 e AG-57 e manter a calidade dos seus servizos aos usuarios.